[2024] Boletín Folga de 1901 B-N (2).pdf

cgtensinocoruna 11 views 4 slides May 19, 2025
Slide 1
Slide 1 of 4
Slide 1
1
Slide 2
2
Slide 3
3
Slide 4
4

About This Presentation

[Tras os sucesos de Maio de 1901] Represión, Solidariedade e (Re)Organización Obreira


Slide Content

FOLGA XERAL DE 1901:
TRALOS SUCESOS DO 30 E 31 DE MAIO DE 1901 NA CORUÑA
O cobro do imposto de consumos na Coruña, que
gravaba os bens de primeira necesidade, estaba
arrendado polo concello a un empresario madrileño. O
30 de maio de 1901 decláranse en folga os preto de 140
traballadores e traballadoras da arrendataria. Mentres
a Garda civil cubría os postos do extrarradio da cidade
e a policía municipal vixiaba os fielatos, a folga era
seguida masivamente polos empregados que esa mañá
percorreron en piquetes diferentes fielatos da cidade
para evitar a acción de crebafolgas traídos en
ferrocarril pola empresa.
DA FOLGA DE CONSUMEIROS Á FOLGA XERAL
FEDERACIÓN LOCAL OBREIRA DA CGT DA CORUÑA
Xuño de 2024
REPRESIÓN E SOLIDARIEDADE
Pola tarde, os folguistas reúnense na Sociedade de
Oficios Varios, na rúa de Cordelería, e ante as novas da
chegada de novos esquirois á cidade, decidiron
reanudar os piquetes e encamiñáronse cara a Estación
do Norte, para logo dirixirse ao fielato da rúa
Cabaleiros. Alí, a Garda civil custodiaba o posto, onde
se tiñan refuxiado os crebafolgas traídos de Andalucía
e impediulles o paso.
Tralo lanzamento dalgunha pedra aos gardas, o sarxento
ordena abrir fogo. Os obreiros e obreiras dispérsanse,
quedando deitado na calzada o corpo de Mauro Sánchez
Vázquez, un empregado de consumos en folga, así como
varias persoas feridas, entre 9 e 14 dependendo das
fontes, entre eles unha nena de apenas tres anos.
As Sociedades obreiras acordaron chamar a un paro
xeral de tres días, en demostración de loito; a
celebración ao día seguinte, con motivo do sepelio do
obreiro falecido, dunha manifestación e un mitin, e dirixir
un telegrama de protesta ao Ministro de Gobernación e á
prensa: “Asociaciones obreras Coruña protestan
enérgicamente agresión Guardia Civil pacíficos grupos
obreros, obreras, ocasionando muertos heridos. Por
Asociación, Cebrián”.
Na mañá do venres 31 de maio de 1901, a cidade
amañeceu, totalmente paralizada pola folga: “Aguadores,
carpinteros, canteros, peones, tipógrafos, pintores,
boteros del muelle, cargadores de la Aduana, panaderos,
herreros, mozos de café, aserradores, fideeros,
zapateros, plateros, etc., etc, en fin, toda la clase obrera
de la Coruña (...) muchos trabajadores particulares y
otros de profesiones diversas”.
O paro foi xeral, suspendéndose os traballos en “fábricas,
talleres y obradores”.
A fachada do Centro Obreiro aparecía enloitada, con
crespóns negros. Os obreiros en folga camiñaban pola
rúa con brazaletes negros e mesmo algún cartel coa
mensaxe “Por las víctimas de ayer: Justicia”
Na Fábrica de Tabacos da Palloza, as cigarreiras saen da
factoría e únense á folga, así como as misteiras e as
operarias das factorías de tecidos e teares.

Na construción, as obras ficaron paradas; e no comercio e
hostalería, o peche foi xeneralizado e piquetes de
folguistas percorrían pola mañá as rúas comerciais de San
Andrés, rúa Real, Santa Catalina, rúa Nova, ...
No transporte: “paro completo de medios de locomoción,
coches, carros, embarcaciones”, e todos os buques
fondeados suspenderon as tarefas de carga e descarga, e
non puido ser desembarcado a equipaxe do transatlántico
“Alfonso XII”, procedente de Cuba, por estar en folga os
“boteiros”. Tripulación e pasaxe do transatlántico sí que
foron transportados, pero os ocupantes dos vapores
procedentes de Ferrol non puideron desembarcar dese
mesmo xeito. O “Hércules” tivo que ser atracado a porto e
o “Comercio” precisou da lancha da Comandancia de
Mariña, protexida por Garda civil e Carabineiros, sen que
puidesen baixarse as mercadorías. No Obelisco, a saída da
Ferrocarrilana foi impedida por un grupo de mulleres e o
coche-correo de Santiago non funcionou e o transporte do
correo desde a Estación tivo que facerse custodiado.
Coa cidade paralizada comezan a chegar forzas militares
e da Garda civil. A mediodía, celébrase unha nova Junta
de Autoridades onde o Gobernador civil, Antonio García
Valdés impotente para manter a orde resigna o mando na
autoridade militar, o Capitán Xeneral Lachambre. A
renuncia recóllese nun bando no que xustifica a decisión
no “estado anárquico” da cidade”.
Tropas de infantería e cabalaría comezan a patrullar pola
cidade “sable en mano”, xunto coas forzas da Garda civil,
Carabineiros e policía municipal, e dous buques da
Armada de Ferrol saen con destino á cidade: o destrutor
“Audaz” e o canoneiro-torpedeiro “Osado” e fondean
fronte ao Parrote.
O xeneral Lachambre proclama a lei marcial e declara o
Estado de Guerra na cidade. En Madrid, o ministro da
Guerra Weiler telegrafía a Lachambre con ordes “muy
severas para que el bando militar se cumpliese con todo
rigor”. O ministro de Gobernación da resposta ao
telegrama das Sociedades obreiras, xustificando o uso da
forza por parte da Garda civil.
Os augadores e augadoras deixaron de conducir auga ás
casas burguesas.
Malia ser prohibida a manifestación pola Lei marcial, ás
tres da tarde, uns catro milleiros de obreiros e obreiras,
saen espontaneamente con destino ao cemiterio de Santo
Amaro onde agardaba outra multitude de persoas para o
enterro do compañeiro falecido a tarde anterior.
A pesar da presencia policial e militar nas rúas e a grande
multitude concentrada, non se produzo ningún incidente
nin enfrontamento. Logo do enterro, os manifestantes
regresan ao centro da cidade, tamén sen incidentes,
arredor das cinco da tarde.
A Garda civil, ao mando do tenente Pedro Vázquez estaba
a colocar o bando na entrada da rúa Real, o que foi
respondido con berros e algunha pedrada. Nese intre
comezaron as cargas e os disparos dunha violenta
represión que, en poucos minutos, foi estendéndose
respondendo aos berros e pedradas con disparos de
máuser contra a poboación, “haciendo fuego sobre los
grupos que encontraban al paso y les ofrecían resistencia”
A multitude tratou de fuxir pero os gardas, “sable en
mano, cargaban en distintas direcciones”.
REPRESIÓN E VIOLENCIA: MORTOS E FERIDOS
Nas xornadas do 30 e 31 de maio foron asasinados:
Mauro Sánchez Vázquez
Empregado de consumos folga desde a mañá do 30 de
maio, pola tarde fronte ao fielato da rúa de Cabaleiros,
tralos disparos da Garda civil, o seu corpo sen vida ficou
deitado no chan fronte ao nº 42. Tiña 24 anos, estaba
casado e tiña cinco fillos de corta idade. Vivía na rúa da
Torre.
Jacobo García Eijo
Cando comezaron as cargas e disparos, tratou de buscar
refuxio no Centro Obreiro. Xa tiña pechado a porta cando
a Garda civil abriu fogo e os disparos atravesaron a porta,
quitándolle a vida e o seu sangue derramouse polo portal
ata a rúa, baixo a porta esnaquizada.
Jacobo era zapateiro, pero tiña traballado na hostalería,
como camareiro en buques e de “mozo de ambigú” nos
bailes públicos. Vivía na Estrada da Estación. Estaba
casado con Emilia Pereira, cigarreira, e non tiñan fillos.
Antonio María Veiga
Na tarde do 31 de maio de 1901, cando ía a recoller ás
súas fillas, recibe un balazo no ventre e cae mortalmente
ferido na rúa Real. Foi conducido moribundo ao Hospital
nunha cadeira. Tiña 51 anos, era carpinteiro, vivía na rúa
de Pastoriza, estaba casado e tiña tres fillos: dúas fillas
que traballaban de modistas e que tamén vivían na
cidade, e un fillo, chamado Fermín, emigrado en América.
Finou no Hospital e foi enterrado do día 3 de xuño.

Antonio Bruno Orro
Antonio era augador disparáronlle na esquina da rúa de
San Andrés con rúa Alta, provocándolle unha ferida moi
grave no peito. Natural da Coruña, cuns 30 anos, estaba
casado e vivía na rúa da Perillana. Finou no Hospital na
noite do sábado 1 de xuño. Logo da súa morte, mesas
petitorias son instaladas en todas fontes da cidade,
cubertas con panos negros, para socorrer á viúva, que
estaba embarazada, e aos orfos, e pagar o seu enterro.
Benita García Torres
Traballadora do Hotel de Francia, foi ferida de gravidade
no ventre cando estaba na galería do Hotel, coas súas
compañeiras Manuela González e Francisca Rodríguez.
Levada ao Hospital aínda con vida, finou o sábado, 1 de
xuño. Benita García tiña 20 anos e era solteira.
Manuela González Seijo
Ferida grave no ventre, no Hotel de Francia onde
traballaba. Foi conducida ao Hospital pero finou na mañá
do domingo 2 de xuño de 1901. Tiña 22 anos, era solteira e
natural de Sobrado (Lugo).
Francisco García Lodeiro
Nas cargas da tarde do 31 de maio, un disparo de Maüser
acaba coa vida do carpinteiro Francisco García Lodeiro,
alcumado “Carabel”, na rúa Alta. Levado ao Hospital,
ingresou xa cadáver. Tiña 34 anos, era solteiro e tiña unha
filla chamada Elisa que vivía cunha tía na rúa da
Amargura. Membro da Sociedade de Carpinteiros, vivía en
Riazor pero era natural de San Tirso de Mabegondo.
Josefa Corral
Na rúa de San Andrés perdeu a vida Josefa Corral, viúva
de Benito Gantes. Duns 40 anos, tiña catro fillos, o maior
deles de 18 anos. Cando estaba na galería da súa vivenda,
unha bala de Maüser rompeu o cristal e feriuna
mortalmente.
Encarnación Alonso
Tamén na rúa de San Andrés, Encarnación Alonso, esposa
do lampista Eduardo Amado, foi ferida no peito por unha
bala de Maüser que entrou pola fiestras provocándolle a
morte.
Moitos destes feridos ou mancados na represión da folga
de maio de 1901 non acudiron aos hospitais polo que só
coñecemos algúns dos seus nomes, probablemente os dos
casos máis graves ou que caeron presos cando foron
feridos polas balas e sables dos militares e gardas civís:
Manuel Carnota Rey
Manuel Laya Mañá
José Quintela Carreira
Daniel Mariñas
Antonio Bergantiños
Cándido Seoane Vázquez
Claudio García
Felipe Amil Barros
José Expósito Expósito
...
A pesar diso continúan as detencións de traballadores e
traballadoras, así como o peche “de orden de la
autoridad militar” das sedes sindicais.
O luns se produce o regreso ao traballo, agás as folgas
parciais que xa estaban en marcha. Volven a publicarse
os xornais locais aínda que sometidos á censurado
estado de guerra: “la prensa de aquella capital refiere
los sucesos absteniéndose de hacer comentarios”
A meirande parte dos medios falan de regreso á
normalidade e as notas oficiais falan de que “reina
completa tranquilidad”, pero a realidade era que algúns
dos feridos falecían nos hospitais a consecuencia das
graves feridas e os seus corpos eran conducidos ao
cemiterio “con gran acompañamiento”. Mentres
continuaban as patrullas a cabalo, tanto militares como
da Garda civil, que ocupaban tamén puntos estratéxicos.
As detencións de obreiros e obreiras continuaban,
incluíndo a totalidade da “Junta Directiva” da Sociedade
de Oficios Varios, todos os presidentes das distintas
Sociedades obreiras coruñesas e moitos folguistas. As
sedes sindicais son clausuradas e os xuíces militares
comezan a actuar contra o movemento obreiro da
cidade.
A organización da clase obreira coruñesa foi quen de
paralizar totalmente a vida da cidade da noite á mañá. Por
iso, o temor dos burgueses e do estado non quedaría só na
brutal violencia do día anterior.
De seguido comezaron as detencións de folquistas e
militantes das Sociedades obreiras. Os detidos eran
levados ao Castelo de San Antón e ao Cuartel Alfonso XII
nas Atochas.
REPRESIÓN CONTRA A ORGANIZACIÓN OBREIRA
Coas tropas aínda patrullando polas rúas, o domingo 2 de
xuño as Sociedades obreiras fan un manifesto que comeza
así: “Movidos por un sentimiento unánime hemos hecho
una huelga general. Todos cumplimos como buenos”. Ante
a promulgación da Lei marcial, para evitar mais
derramamento de sangue e para lograr a liberdade dos
“compañeros presos”, chaman a volver ao traballo dende o
día seguinte, o luns 3 de xuño.

No mes de xullo de 1901, os militantes obreiros Juan José
Cebrián, Venancio González Escontrela, Juan Santos
Martínez e Manuel Mosquera Morano son condenados a
penas de ata 20 anos de reclusión, a cumprir en presidios
de Santoña, Burgos ou Ortigueira.
Ata agosto de 1901, coa chegada dun novo Gobernador
civil non se levantará o Estado de Guerra na cidade e
mailo seu partido xudicial e daquela pasan, non sen
resistencia de Capitanía, todas as causas xudiciais á
xurisdición civil.
Tras meses na cadea, en setembro saen en liberdade
provisoria en agarda de xuízo, os presidentes das
Sociedades obreiras:
Carpinteiros, Ricardo Deibe
Canteiros, José Gago.
Peóns e albaneis, Lorenzo Ruano.
Ferros e metais, Antonio Veira.
Latoeiros (“Hojalateros”), Francisco Anzó
Oficios varios, Vicente Fernández
Pintores, Felipe Salvador.
Xastres, José Sanjurjo.
Tipógrafos, Cayetano Castriz.
Fideeiros, Alejandro Delgado.
Cocheiros, José Mosquera.
Zapateiros, José María Espinosa.
Panadeiros, Manuel Fraga.
Augadores, Enrique Taboada.
Mozos de faena, Pedro Prego.
Inmediatamente comezan os procedementos xudiciais
contra os militantes obreiros polos sucesos derivados da
represión da Folga Xeral de maio de 1901, tanto os
levados polos xuíces militares para acabar en Consello de
Guerra, como os levados pola xustiza civil contra os
cargos das Sociedades obreiras e os folguistas da
empresa de consumos.
A represión policial e xudicial vai estendéndose non só
ás Sociedades obreiras e aos seus militantes, senón
tamén a outras organizacións como a Antorcha Galaica
do Libre Pensamento:
VOLTA Á NORMALIDADE? CONSELLOS E GUERRA E XUIZOS
CONTRA A REPRESIÓN: SOLIDARIEDADE
Dende os días seguintes aos feitos, atoparemos unha
formidable reacción obreira de solidariedade e protesta,
tanto na cidade como no resto do estado español e polo
mundo adiante, fronte aos sucesos dos días 30 e 31 de
maio de 1901 na represión da Folga Xeral.
A pesar das dificultades do estado de guerra e a represión
contra as súas Sociedades, a propia clase obreira
coruñesa comeza de seguido a recollida de achegas para
os presos e presas e para as vítimas da represión: feridos,
viúvas, orfos,... como temos visto máis arriba no caso de
Antonio Bruno, ademais de cartas e visitas aos presos, ou
mesmo acollendo nas súas casas a fillos de presos, como os
de Enrique Taboada e a súa compañeira Dolores Sánchez,
ambos detidos no Cuartel de Atocha, por poñer só dous
exemplos.
Asemade, La Revista Blanca, publicación anarquista, de
periodicidade quincenal, editada en Madrid entre 1898
e 1905, pola parella formada por Juan Montseny
(Federico Urales) e Teresa Mañé (Soledad Gustavo),
impulsa unha campaña que acadou eco internacional,
coa celebración de mitins de protesta ao longo do
estado español e polo mundo enteiro.
Mitins pedindo a liberdade dos presos e presas e
recollidas de achegas para as vítimas sucédense ao
longo do último semestre de 1901 en moitas localidades
de Cataluña, Valencia, Andalucía, Euskadi, Asturias,
Madrid, Extremadura, Murcia, etc. pero tamén
internacionalmente: Norteamérica, América latina,
Inglaterra, Italia, Bélxica, Tánger ...
Mais tamén as novas recollidas no seu Suplemento
permítenos coñecer a visión dos propios obreiros
coruñeses, sometidos a estado de sitio, con centos de
compañeiros e compañeiras encerradas en cadeas e
cuarteis, coas súas Sociedades disoltas pola forza das
armas, os seus locais clausurados e os seus militantes
detidos e perseguidos, a través das cartas que a súa
corresponsalía na cidade remite á redacción para cada
número.
Moita máis información en: memorialibertarianagaliza.org
Tags