Tras este fragmento anterior á historia, explícase que a Herbal lle fora
encargado seguir a da Barca, así como que tomase parte no paseo do
pintor.
O doutor foi fusilado, mais sobreviviu. Unhas lavandeiras atopárono
no río malferido e curárono. Ingresou de novo no cárcere e, unha vez
curado, sometérono ao consello de guerra, que o sentenciou á pena capital.
Debido en parte a súa dobre nacionalidade, o asunto converteuse nun
debate a nivel internacional, feito que permitiu que a pena se reducise a
cadea perpetua. Tras isto, nárrase un breve fragmento relacionado con
Fronteira e Marisa Mallo, na que esta intenta, sen éxito, que o seu avó
interceda a favor de da Barca para obter o indulto.
Tras esa paréntese, retómase a historia co traslado do doutor fóra de
Galicia, mostrando antes como se despiden el e Marisa Mallo na estación de
tren da Coruña. Un tempo despois, ambos os dous casaran por poderes.
Finalmente, Daniel da Barca regresa a Galicia, e tras pasar coa súa muller
unha serodia noite de vodas, cumpre a súa pena na illa de San Simón.
Á hora de analizar calquera novela cómpre valorar ademais dos
aspectos xa analizados, os pertencentes ao estilo.
Por unha banda, débese diferenciar o autor, que é a persoa real que
escribe a narración, neste caso Manuel Rivas, do narrador, que é voz que
cumpre a función de describir o espazo, o desenvolvemento do tempo, as
personaxes da novela e a súa acción.
Convén salientar o feito de que nesta obra se mesturen distintos tipos
de narrador. Os principais son o omnisciente en terceira persoa, o propio da
novela tradicional; e o homodiexético en primeira persoa, neste caso Herbal,
que lle conta a historia dende a súa perspectiva a María da Visitação.
Igualmente, temos de considerar a voz dos personaxes. No discurso
directo o narrador cédelle directamente a voz ao personaxe, son, polo tanto,
os diálogos da novela; no discurso indirecto non se oe a voz do personaxe, é
o narrador quen nola transmite coas súas propias palabras; no monólogo
interior ou fluxo de conciencia transcríbense directamente, en 1ª persoa (sen
intervención do narrador) os pensamentos máis íntimos e desordenados do
personaxe; e o discurso indirecto libre é un híbrido no que a voz do
personaxe penetra na estrutura formal do discurso, introduce o pensamento