19CPI Ponte Carreira - Curso 2024/2025
PAZ é unha palabra moi curta, pero nas súas tres letras caben moitas cousas. E ademais, cousas importantes. Quizais
as máis importantes que temos as persoas, ou que nos gustaría ter.
Cando escoitamos a palabra paz pensamos nun grupo de persoas que soluciona os seus problemas, nun conflito
que se resolve, nunha guerra que por fin remata. Esa é a paz de fóra, a que todas e todos compartimos, a que fai deste
mundo un lugar mellor. Pero a paz é tamén a calma que levamos dentro, a que nos dá sosego e conforto. A que lles
transmitimos aos demais e que os demais nos transmiten a nós. Porque a paz é contaxiosa: vai de dentro cara a fóra
e de fóra cara a dentro. E cando a sementamos prende, inza, medra e prolifera coma unha planta invasora. Pero nesta
invasión non hai armas nin exércitos, senón aloumiños, bicos e apertas.
Valoramos tanto a nosa paz interior que cando estamos cansos, desgustados ou enfadados, berrámoslle ao
mundo que nos deixe en paz. Pero tamén valoramos a outra paz, a de fóra: se temos boas intencións dicimos que imos
en son de paz. E cando alguén morre, na pedra que lle dá acubillo gravamos “descanse en paz”.
A paz é tan importante nas nosas vidas que temos unha morea de símbolos para representala. O símbolo da
paz pode ser unha bandeira branca, unhas mans que se entrecruzan, dous dedos levantados formando a letra uve, un
caravel a tapar o canón dun fusil... Ou unha pomba que voa libre cunha ramiña de oliveira no seu bico. Tamén pode ser
un círculo cunha raia vertical no medio, que abaixo se abre en tres como a pegada dunha garza. E mesmo unha pipa da
que fuman os rivais para esqueceren as diferenzas, para “facer as paces”. Talvez esa foi a única cousa boa que trouxo o
tabaco...Aínda que nos preferimos celebralo con chocolate, que tamén veu da América!
É verdade que hai moreas doutras cousas importantes na vida das persoas, ademais da paz. Están o amor, a
amizade, a familia, a xustiza, a liberdade, a igualdade... E tamén, aínda antes ca todo iso, a auga, a comida, a roupa ou un
teito.
Pero se non gozamos da paz ao noso redor, e tampouco a levamos dentro, o demais vale de ben pouco.
Semella que o mundo enteiro está empeñado en que haxa paz, e para iso temos tratados de paz, misións de paz,
xulgados de paz, negociacións de paz, procesos de paz... E incluso un día internacional da paz, este de hoxe. Ata existen
persoas que se chaman así, Paz. Mirade se é unha palabra importante.
Pero por moito que desexemos que a paz goberne as nosas vidas, a realidade empéñase en amosarnos cada
día o complicado que iso resulta. Entón o fácil é botarlles a culpa aos demais, cando o certo é que nisto todas e todos
temos algunha responsabilidade.
Unha das cancións máis célebres da historia da música afirma que hai que darlle unha oportunidade á paz.
E como se fai iso? Pois cada vez que evitamos unha discusión, que resolvemos os nosos problemas polas boas, que
tentamos entender os demais, que saudamos cun sorriso, que non xulgamos antes de coñecer... estamos dándolle unha
oportunidade á paz.As nosas pequenas achegas non van arranxar o mundo, pero ata o océano máis grande se formou
pinga a pinga.
Para que a paz saia vencedora, todos e todas debemos ser soldados dun mesmo exército. Porque a da paz é
a única guerra na que paga a pena loitar.Quizais algún día chegue esa oportunidade para a paz da que falaba a miña
compañeira, pero de momento iso parece quedar aínda moi lonxe.
Un exemplo: nestes comezos do ano 2025 hai máis de medio cento de guerras espalladas polo mundo, aínda
que desde hai uns días parece que unha delas está a piques de rematar, polo menos de momento. Iso si, despois de
moitas mortes e moita destrución.
Algunhas guerras están moi preto de nós, e delas fálase nas noticias; pero tamén outras moi distantes, tanto que